A EMIGRACION
Sen dúbida o éxodo de rinlegos a outros paises na procura de unha vida mellor, é algo do que nunca debemos esquencer.
Tan importante foi que dende finais do século XVIII e mediados do XX, ata o 20% da poboación do pobo expallabase polo mundo adiante, sendo América do sur o principal lugar de desembarco.
En barcos (vapores) e dende A Coruña e Vigo, saían cara a América nunha viaxe incerta e nunhas condicións terribles.
Neste apartado é imprescindible destacar que os emigrantes de Rinlo en Cuba conseguiron en 1909 fundar unha sociedade: "Unión Rinlega". A Xunta Directiva fundacional da sociedade estivo presidida por José Antonio Posada, como presidente, e formada por José Vázquez Aguiar (páxina de persoaxes), José F. Fernández, Ramón Posada, Benito Fernández, Jesús Páez, Antonio Fernández, Manuel Posada, Francisco Posada, Jesús López e Cándido Gervaz.
En 1910, a directiva decidiu incluir a sociedade no Comité Federativo das Sociedades Galegas de Instrucción, creada para canalizar a construcción das chamadas escolas de emigrantes en Galicia. Deste Comité fora o seu primeiro presidente o emigrante de San Miguel de Reinante, Narciso Rocha, e en sucesivas etapas tamén foi presidida por outros emigrantes de A Mariña de Lugo, como o devesano José Maseda Villamil (1919) e o rinlego Manuel Posada (1910). Nas eleccións do centro rinlego na Habana, en 1912, foi proclamado presidente José Antonio Posada e José Fernández, secretario. Ademáis dos membros da directiva antes enunciados, a Unión Rinlega tivo como socios fundacionais, sen cargo directivo, a Antonio Díaz, José Vázquez, Facundo Bello, José R. Fernández, José López, Alberto Estivill, Cecilio García, Jesús Fernández, Pedro González, Jesús F. Fernández, Jesús Rey, Domingo Orosa, Jesús F. Pérez, Manuel Mántaras, José Mántaras, Bernardo Moreda (á sazón presidente de Hijos de Santa Eulalia de A Devesa), Inocencio Moreda, Andrés Domínguez, José García, Pascual Aenlle e Manuel Aenlle.
A actividade da sociedade está recollida, sobre todo, nas publicacións La Alborada: órgano de la colonia gallega en Cuba,de 1912, na revista Suevia do mesmo ano, e en Para Gloria del Terruño, de 1909.
A maioría dos asociados da Unión Rinlega tiñan a súa orixe en localidades próximas, como Ribadeo, Villaframil, A Devesa, San Miguel de Reinante ou Benquerencia. Moi poucos eran naturais de Rinlo. E unha característica común a todos eles era a súa pertenza ó ramo do tabaco, a maioría dependentes ou relacionados entre sí ou entre as distintas empresas.
Esta entidade xestionou o funcionamento da Escola Vella (páxina de qué ver). Un colexio que, según dí, literalmente, unha das actas da actividade do centro, tiña o proxecto de "inaugurar un edificio propio regalado polo benefactor Jesús Murias, natural de Ribadeo (páxina de persoaxes)".
Queremos dende aquí, rendi-la pertinente homenaxe a tódolos homes e mulleres que deixando as familias, os amigos e a terra que os viu nacer, botaban a maleta ó lombo e partían a face-las américas e traer así, algún cartiño para ofrecer ás familias unha mellor vida da que por desgracia, non había naqueles anos.
(por Eduardo Gutiérrez -ex-alcalde de Ribadeo- para o libro das Festas do San Pedro do 1985)