top of page

​

 

UN SONATO PLEITO PARROQUIAL

 

​

A parroquia de San Pedro de Rinlo foi fundada en 1896. Ata esa data pertenceu á de Santalla de A Devesa que comprendía, asimismo, Vilaframil.

Seguidamente imos dar conta dun sonado pleito entre os veciños de Rinlo e o Párroco, ou mellor dito, os párrocos de A Devesa, posto que durou medio século, e que, sen dúbida podemos considerar unha tirapuxa entre os ancestros rinlegos para dispor de parroquia propia (que ó final conseguirían logo de moito tempo despois), e a teima dos párrocos en defender os seus dereitos xurisdicionais.

Iniciase en 1775 cando os veciños, en escrito razonado, solicitan que se lles permita ter un cura que lles celebre misa tódolos domingos e festivos na capela de San Pedro, onde tamén se asentaba a Confraría do mesmo nome. No memorial presentado ó bispo de Mondoñedo e como argumentos a prol do que se pretende, dise que o lugar componse de noventa a cen fogares e de cerca de seiscentas persoas maiores e menores; asimismo que distan da igrexa parroquial uns tres cuartos de legua, "en cuio tránsito a ella hay tres ríos que en tiempo de abenidas o lluvias impiden el uso del camino"; seguramente fiaban en que Súa Ilustrísima non coñecía o lugar. Tamén alegaban que "hallándose el puerto en mar brava se ven precisados por la custodia de las embarcaciones y de los aparejos a estar a la vista de uno y otro, sin poder concurrir la mayor parte de los vecinos en todos los días de fiesta a oyr misa a la Parroquia", e que se algún o facía eran, en todo caso, moi poucos. Engadían que, uns pola longa distancia, outros por gardar as casas ou cuidar dos aparellos e algúns "advirtiendo los golpes de la mar para sobstener, amarrar y cuidar las embarcaciones", xamais pasaban de cincuenta os que concurrían á misa parroquial.

Asi pois, ofrecían a capela de San pedro, sita no mesmo porto, "con los ornamentos y decencias correspondientes", para que alí tivese lugar a misa os domingos e festivos a cargo dun sacerdote pagado por eles e -diplomática e moi importante consideración- sen perxuizo de acudir ó párroco "con las oblatas y más derechuras que estaban en costumbre satisfacerle". Pero de pouco lles servirían "oblatas", "decencias" e "derechuras", como imos a ver.

Recibido o memorial, o Bispo decreta que o cura de A Devesa, naquel tempo D. Juan Antonio Moreyna, informe sobre o particular, cousa que fai, e moi cumprídamente por certo, o día 8 de Janeiro de 1776. Comenza afirmando que a pretensión dos seus fregueses de Rinlo era "la más rara y extraña que había visto", para seguir dicindo que non chegaban a seis os que tiñan parte nela e, nun proído de sinceridade, que "nada importava que fueran todos". Para él, tanto o autor do Memorial D. Xavier Blanco, como o cura de Piñeira, que era natural de Rinlo, querían "hacerse visibles por la azaña emprendida por el Memorial, asegurando antes al cura de Rivadeo y otros para sus informes". Rebate igualmente os evidentes excesos na contabilidade do padrón rinlego e asegura que na parroquia enteira hai trescentos "fuegos o casa bivideras". Rexeita o relativo ás distancias xa que ningunha casa está a máis de media legua da igrexia parroquial, mesmo aquelas situadas ó dobre de distancia do porto de Rinlo. Neste ponto deixamos ó lector que formule o seu propio xuízo e limitámonos, sinxelamente, a informalo de que unha legua equivale máis ou menos, a cinco kilómetros e medio.

Sobre os camiños, o párroco asegura que, particulamente o que leva a Rinlo, é dos mellores da freguesía e que existen "tres riachuelos": dous deles secan no verán e o outro non leva auga dabondo nin para un "lixero molino" nel situado, ademáis de que todos dispoñen das correspondentes pontes. Finalmente nega que sexan tan só cincuenta os que acuden á misa dominical e coida que con duas celebracións en A Devesa, unha ás oito da maña e outra ás doce, ben poden gobernarse como fan os labregos da zona, "de cuia clase son los más vecinos del puerto"; afirmación que posiblemente fose atinada, ademáis de apuntar moi finalmente noutra dirección; do gremio de mareantes, os matriculados eran probablemente a vangarda do movimento; non en van contaban cunha longa tradición de loitas reinvicativas como fica dito.

O día 9 de outubro de 1776, Súa Ilustrísima o Bispo de Mondoñedo ditaba un Auto no que tiña a ben "exortar a los expresados vecinos del citado puerto o lugar de Rinlo concurran a oyr la Misa Popular en su parrochia en todas las dominicas y días festibos de precepto". Os rinlegos perdían, pero tratábase somente da primeira batalla, xa que non conformes con tal ditame recurren ó Xuiz Metropolitano de Santiago, quen, no 9 de febreiro de 1778 confirma o actuado por Mondoñedo, á vista do cal levan o pleito á Rota. Este alto Tribunal falla o 19 de xullo de 1779 confirmando en parte as anteriores sentencias, pero, nun xeito de procura de solución, manda que o Ordinario escoite ámbalas dúas partes a fin de chegar a un acordo.

E así, o 30 de xuño de 1790, despois de inumerabeis voltas e reviravoltas entre as partes, con moreas de papeis e xestións, fírmase un "combenio" perante o escribano de "Número y Marina", entre o novo Cura, D. Tomás García Martínez, e sesenta e seis veciños de Rinlo "que confiesan ser la maior parte de los que se compone, tanto terrestres como matriculados". As capitulacións son longas: o párroco, "amante de la paz y del vien espiritual de sus feligreses", permite que se celebre a misa domingos e festivos, excepto no tempo de pascua e naqueles días nos que houbese sermón e oferendas, e impón unhas mui peculiares condicións. Así, canto ó horario, nos seis meses de inverno a misa sería as 9 da mañá e nos restantes ás 7, permitindo unha variación de un cuarto de hora; ademáis, tocaríase a campá so unha vez, ponto sobre o que é sumamente preciso: "a tiempo que este se practique (o toque) ha de principiar a prepararse el sacerdote", e unha vez esté no altar "picarase" dita campana para que entren os que están fora, "sin más disgresiones, ni toque o señales de la repetida campana ni otra cosa". Despois destas advertencias sonoras, dise que non se poderá recibir a Eucaristía na capela, nin cantar, nin rezar responsos, nin salve, nin ningún outro uso propio da "parroquialidad".

O documento é firmado por "los que saben y quisieron hacerlo" que, dos sesenta e seis, son dezasete, "y por los demás un testigo a su ruego", que o foron, o capitán do Reximento Provincial con sede en Mondoñedo, o Subdelegado de Mariña de Ribadeo e outro veciño máis desta vila. O Bispado da a súa conformidade o 20 de novembro de 1790.

A lirota semellaba rematada e, efectivamente, ó longo de algúns anos non houbo cuestión algunha da que teñamos constancia documental, mais, sexa porque ós rinlegos lles pareceu aquela unha victoria pírrica, sexa porque tratábase dun paso táctico dentro da súa estratexia parroquial, ou por calqueira outra razón, xa que tampouco debe un pegarse estrictamente ás verbas das que terman os documentos, o caso é que en 1824, plantéxase de novo o conflito.

O cura de A Devesa, que xa non é o firmante de trinta e catro anos antes, négase a confirmar o nomeamento dun Presbítero feito polos veciños, en base ó convenio de 1790. Volven os escritos e repítense as hipérboles: "es indispensable tenga atendido su número crecidísimo de vecinos y la extensión case inmensa de sus términos". O Bispo ordea que informe ó párroco, pero este fai oídos xordos e ante o silencio, nova comunicación do vecindario e novo Decreto, imperativo, de Súa Ilutrísima firmado na súa residencia de verán (o pazo do "Buen Aire" de Masma), mandando ó cura que conteste "en término de tercero día". Non é precisamente o terceiro, pero faino por fín o día 22 de outubro de 1814, comenzando por afirmar que "los vecinos de Rinlo pasan en silencio lo decretado sobre derechos parroquiales" razón que, ó noso xuicio, é a chave de todo o asunto dende o ponto de vista parroquial. Mais aquel santo varón non repara en barras á hora de defender tales dereitos e ó escribir sobre o Presbítero Villamil, cuio nomeamento non acepta, di: "de cuia conducta política supongo a V.S.I. vien noticioso y me consta que lo está también el Sr. Governador Eclesiástico". Remata aludindo de novo ás regalias e dereitos da parroquia, recomenda evitar "disturbios" e reafirmase na necesidade de impedir que os de Rinlo sigan presentando "arbitrarias solicitudes" para o cal compre omar "las providencias que sean del agrado de V.S.I. capaces de contener el orgullo de los revolucionarios". Fortes palabras para tan facareños tempos: convén non esquencer, tanto polo que respeita á derradeira como polo que fai a alusión política, que estamos en plena "década ominosa" e que é rei Fernándo VII.

Por fín, no remate do pasado século, Rinlo chegaría a ser parroquia. O "Arreglo Parroquial" da Diócese de Mondoñedo aprobado por Real Decreto de 21 de Xaneiro de 1896 previa ó esgazamento de A Devesa de Rinlo e Vilaframil. A primeira sería erixida como tal o 1 de abril do citado ano e definitivamente confirmada e dotada o 7 de outubro de 1898.

​

(por Eduardo Gutiérrez -ex-alcalde de Ribadeo- para o libro das Festas do San Pedro do  1985)

​

bottom of page