top of page

ANTIGA DIVISIÓN MUNICIPAL

Tanto o actual termo municipal de Ribadeo como a súa organización son relativamente recentes: do século XIX. Convén saber que até a supresión dos señoríos, a comenzos do indicado século, Cedofeita, Remourelle, Couxela e Vilaosende non formaban parte do noso Concello. A primeira era coto xurisdicional, a segunda dependía de Lourenzá e as duas restantes, da xurisdición de Sante.

No Antigo Réximen, tanto para as funcións fiscais como eleitorais, o Concello ribadense compoñíase de tres grupos: Ribadeo, que comprendía a vila e Rinlo (que aportaba tributariamente as duas quintas partes), a Rilleira de Arriba, formada por Arante, Cubelas, Vilaselán e Obe, a Rilleira de Abaixo composta por Piñeira e A Devesa. As duas Rilleiras pagaban as restantes tres quintas partes. Non imos entrar en pormenores polo que se refire ós xeitos de goberno municipal, únicamente indicar que dende mediados do século XVIII elexíase un síndico e dous deputados do común por sufraxio entre os veciños seculares e contribuintes.

A división parroquial tradicional tamén era diferente. Dende tempo inmemorial as parroquias eran: Santa María (a da vila), san Xoan de Obe, Santa María de Vilaselán, San Xoán de Piñeira, San Vicente de Cubelas, San Pedro de Arante e Santalla de A Devesa. Rinlo foi erixida como parroquia en 1896, como logo veremos.

(por Eduardo Gutiérrez -ex-alcalde de Ribadeo- para o libro das Festas do San Pedro do  1985)

bottom of page