top of page

RECUANDO ATA O SECULO XVI

Sen dúbida que unha peneira sistemática do arquivo municipal fornecería bastantes máis datos dos que dispoñemos e por suposto, dos que manexou no pasado a historiografía local, por dicilo un pouco fachendosamente. Máis a tarefa é lenta e traballosa. Ainda non téndoa máis que iniciada, podemos afirmar que, con toda probabilidade, a primeira referencia a Rinlo das actas consistoriais é de 1547, data moi temperán se temos en conta que o máis antigo que se conserva do citado arquivo é de 1536. O caso é que un par de anos antes da data limiar apuntada, e seguindo o usual procedemento de derramas propio da época, unha Real Provisión ordeaba que a vila e condado repartisen seis mil maravedís para a construcción da ponte de Salime. Desa cantidade correspondéronlle a Rinlo oitocentos maravedís.

Mais, polo que se ve, os rinlegos de entón non debían de estar moi convencidos da importancia de dita construcción, porque no referido ó ano 1547 o Alcalde, á vista de que tal cantidade non fora satisfeita, mandaba prender a dous de entre os máis ricos deste porto e pechalos na "Fortaleza" ata que pagasen. Pero nin o máis cativo entusiasmo tributario era patrimonio rinlego nin había discriminación en canto a tan "persuasivos" métodos entre as parroquias e a vila: un ano despois dos acontecementos que vimos de relatar, o Concello dita unha orde para prender a meter na cadea ós pescadores de Cabanela ate que abonasen a metade do coste do "caí" e do camiño construído perto daquel barrio.

(por Eduardo Gutiérrez -ex-alcalde de Ribadeo- para o libro das Festas do San Pedro do  1985)

bottom of page